O proxecto informativo e estudo de impacto ambiental para a actualización da EDAR de Soutomaior xa se atopa en fase de exposición pública. O estudo contempla un investimento máximo de 389.000 euros para adecuar a estación á nova normativa europea. O prazo de exposición finaliza o venres 4, e os traballos, unha vez adxudicados, terán un prazo de finalización de catro meses.
As actuacións incluídas no proxecto de actualización da EDAR de Comboa consisten por unha banda nunha serie de melloras necesarias para adaptar a planta actual aos procesos esixidos pola UE, e por outra, na substitución de equipos e elementos que xa cumpriron a súa vida útil e que a súa degradación podería chegar a condicionar o correcto funcionamento da planta.
A depuradora de Comboa presta servizo a toda a parroquia de Soutomaior e desagua no río Verdugo, polo que esta mellora é un paso adiante tanto en materia de protección e conservación ambiental como para o sector pesqueiro e marisqueiro, que necesitan que a calidade das nosas augas sexa sempre a adecuada segundo explicou o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera.
Dentro dos novos equipos que servirán para actualizar a depuradora destacan os sistemas de desodorización química, a nova monitorización enerxética, os sistemas de automatización e varias bombas e sistemas de filtrado que aumentarán tanto a capacidade da estación como a eficiencia do proceso de depurado de augas residuais.
O prazo de exposición finaliza o venres 4, día no que se non hai ningunha reclamación sobre o proxecto poderase dar paso á licitación do proxecto e a súa posterior contratación. Os traballos, unha vez adxudicados, terán un prazo de finalización de catro meses.