O Campo da Feira e o estacionamento da depuradora xogaron unha mala pasada a cinco condutores que esqueceron a data de hoxe, día 6 de outubro e polo tanto día de mercadiño. A primeira hora da mañá a policía local procedeu a tramitar a correspondente denuncia e a chamar a grúa para que retirara os vehículos que impedían a colocación dos postos no espazo reservado para tal fin.
Unha situación que se repite cada 6 e 21 de cada mes, días nos que sempre algún condutor esquece a celebración da feira e, malia as indicacións que sinalan a prohibición de aparcar nesas xornadas nos estacionamentos tanto da depuradora como do propio campo da feira, deixan alí os seus coches máis aló das sete/oito da mañá.
Chegada esa hora procédese a retirar o vehículo o que supón un custe importante para o propietario que debe abonar o prezo da grúa 59,80 e unha denuncia que ascende a 200 euros bonificada pro pronto pago 100.