A Concellería de Medio Ambiente fai un chamamento a todas as persoas propietarias de cans para que extremen as precaucións nas zonas do paseo de Cardona, Rúa Cacharela e a zona da praia canina de Chapela por alerta de envelenamento logo de que unha cadela falecera tras intoxicarse por algún produto que inxeriu na zona, posiblemente algún herbicida ou veleno para caracois.
A alerta saltaba na xornada do pasado martes cando a propietaria do animal decatábase de que a cadela presentaba síntomas de envelenamento polo que foi trasladada a unha clínica veterinaria onde acabou falecendo nas últimas horas. A Concellería de Medio Ambiente, alertada por unha protectora do suceso, púxese en contacto tanto coa propietaria como coa clínica veterinaria onde foi atendido o animal. Explica o edil Roberto Villar, que “todo apunta a algo intencionado tras confirmar o veterinario que a cadela foi envelenada, probablemente tras inxerir veleno para caracois ou algún herbicida”.
Estanse a realizar as investigacións oportunas para determinar exactamente o acontecido, pero dende este departamento piden aos propietarios de cans que adoitan pasear por estas zonas de Chapela e que xa foron sinalizadas, que extremen as precaucións. Fan tamén un chamamento tamén a cidadanía para que no caso de detectaren algunha conduta ou atopar algún elemento sospeitoso, se poñan en contacto coa Policía Local (986 402610) ou co departamento de Medio Ambiente no 986 400 300 de luns a venres de 8:00-15:00h.