A alcaldesa rexeita convocar o consello parroquial para abordar este asunto “porque nese órgano non está representado a Asociación de Veciños, que pensamos tamén deben estar presentes nunha reunión na que se fale do uso do antigo colexio e que imos convocar previsiblemente na vindeira semana”. Lamenta a polémica que di “é promovida polo PP” e insiste en que o uso do centro está clara “destinarase a facer actividades e para uso e disfrute de toda a veciñanza”. Neste sentido convoca aos veciños a achegarse este domingo ao centro nunha xornada de portas abertas que contará coa actuación do grupo Airiños do Mar de Teis.
O uso das novas instalacións ubicadas no antigo colexio de Trasmañó, reformado na súa totalidade para poder albergar actividades veciñais, nace con polémica. Cando está convocada xa a súa “inauguración” cunha xornada de portas abertas para o vindeiro domingo día 11, catro colectivos da parroquia, a Asociación de veciños, a Comunidade de Montes, a Asociación cultural e a Comisión de festas, solicitaban a convocatoria dun Consello parroquial para que “de xeito consensuado se acorden os distintos usos que debe ter o novo edificio”.
Digna Rivas anuncia que se reunirá con eles “e con todos os veciños” na vindeira semana pero rexeita convocar o Consello parroquial “porque alí non está representada a Asociación de Veciños”.
En todo caso, insiste en que o seu uso está claro “tal e como así o decidiron os veciños nunha reunión celebrada hai meses, como centro Comunitario empregarase para facer cursos, actividades, exposicións e para uso da veciñanza”.
Anuncia tamén que nos vindeiros días abriranse as portas do recinto para que os veciños poidan facer uso tanto da pista deportiva como do espazo exterior do Centro.
Sobre o uso que a Asociación Andaina fai de dúas das aulas do centro, lembra que se trata dunha asociación que atende a Persoas con Necesidades Especiais de todo o municipio e ten dereito tamén a contar cun espazo nunha instalacións que son municipais.