Nas concentracións convocadas polo BNG e celebradas diante dos Centros de Saúde de Pazos de Borbén e Fornelos de Montes, esixiuse que o SERGAS adopte accións inmediatas para restituír a consulta de pediatría nestes centros de saúde. Consultas que foron suprimidas derivándoas ao Centro de Saúde de Redondela, “centro que a súa vez atópase sobresaturado e para o cal se demanda tamén a incorporación de máis persoal para o servizo de pediatría”.
A estas concentracións, nas que participaron veciñas e veciños dos concellos afectados, asistiu a deputada do BNG, Alexandra Fernández, acompañada da portavoz municipal do BNG en Fornelos de Montes, Mila Casal e o responsábel local de Pazos de Borbén, Xurxo Pardo.
Para o BNG, no actual momento da pandemia a Atención Primaria debería ser chave para garantir a atención sanitaria. Porén “os recortes do Partido Popular fan que este servizo conte hoxe con 142M€ menos que hai once anos; recortes que implican a redución de persoal de primaria e a precarización do servizo ás persoas doentes”. Así, a día de hoxe non poden recibir atención personalizada e presencial do seu medico de cabeceira prestándose atención case exclusivamente a través de consultas telefónicas. Esta saturación no servizo de saúde chega a provoca que cada vez máis persoas se vexan na obriga de acudir á sanidade privada diante da falta de resposta da pública, o que implica maior desprotección da poboación con menos recursos. Neste sentido a deputada nacionalista, Alexandra Fernández, sinalou que “ é fundamental que o SERGAS proceda a restituír a Atención Primaria presencial garantindo todas as medidas de prevención de contaxios propios dunha atención digna”.
O BNG acompañou estas concentracións cunha recollida de sinaturas para esixir do SERGAS, ademais da restitución da atención presencial, a activación de protocolos claros e unificados para a atención sanitaria, e o incremento do número de profesionais con contratos dignos e do orzamento destinado á atención primaria en 200 M€, como accións inmediatas para activar a atención presencial e rematar coas listas de agarda e coa precariedade neste servizo.