As inmediacións do museo Meirande volverán revivir esta fin de semana a batalla entra as escuadras anglo-holandesa e hispano francesa. Un fito histórico acontecido no litoral de Rande no 1702 que volverá conmemorarse malia as restricións impostas polo Covid, que obriga a retirar invitación previa para controlar o aforo. Haberá representación infantil e teatralización da batalla, concentración de embarcacións tradicionais e espectáculo de lume e pirotecnia así como a tradicional feira de artesanía.
O presidente da Asociación Cultural e deportiva de Rande, Pedro Otero confirma que durante esta semana estivo sobre a mesa suspender o evento ante o avance desta segunda vaga de contaxios.
Con todo, a situación en Redondela, cun número de contaxios que na última semana sitúanse entre os 7 e os 14, animouno a seguir adiante cun evento no que levan meses traballando e no que a seguridade sanitaria está garantida para minimizar o risco: desinfeccións continuadas de baños e cadeiras, uso de hidroxeles e, sobre todo, aforo limitados, son algunhas das medidas que marcarán a celebración deste ano.
Unha conmemoración que arrancará ás once da mañá do sábado coa apertura do mercado tradicional e a chegadas das embarcacións media hora despois. Os máis cativos serán protagonistas as unha do mediodía coa representación da obra “Unha historia pequena” que se repetirá ás 16:45. A media tarde terá lugar a teatralización da Batalla coa obra “Os galeóns de Rande” e a continuación vivirase o desembarco, descarga e asalto á fortaleza.
A xornada complétase cunha actuación de Cantigas e Romances e a representación naval cun espectáculo de pirotecnia.
As representacións teatrais repetiranse na mañá do domingo, con pase infantil ás 13:00 hroas e teatralización de adultos as 13:45.