Os Deputados do PP, Javier Bas e Ana Belén Vázquez, acompañados do seu grupo municipal, de representantes do Sindicato Policial UFP e da Plataforma que lidera esta petición, pediron o apoio da cidadanía a unha reivindicación que nas vindeiras semanas pasará pola Comisión de Interior do Congreso. Unha demanda que chega como proposición non de lei para impulsar a creación da Comisaría da Policía Nacional de Redondela “unha petición xusta, urxente e unánime” en palabras de Vázquez, quen lembrou que se trata dunha reclamación avalada por todos os partidos da corporación local.
“Estamos aquí para esixirlle ao goberno de España que deteña o desmantelamento do servizo da Policía Nacional en Redondela” explicaba Ana belén Vázquez rodeada dos representantes do grupo municipal do PP. “É fundamental que haxa efectivos tanto humanos como materiais que atendan este servizo, porque Redondela non merece unha seguridade de segunda” engadía a deputada popular ao tempo que lembraba que nas vindeiras semanas chegará á Comisión de Interior do Congreso a proposición non de lei presentada polo PP tras a decisión da Policía Nacional de reorganizar os seus efectivos, centralizando os axentes en Vigo e reducindo a atención presencial na oficina de Redondela ao horario de mañá con tan só 6 axentes.