A Asociación de Veciños San Martiño de Vilar mantén o seu pulso á Deputación de Pontevedra polas obras de mellora na estrada EP-2091 entre Os Valos e Guizán. Rexeitan un proxecto que non contempla a construción de beirarrúas a ambos lados da vía e advirten do risco que supón para os peóns nunha estrada “que soporta un elevado tráfico de vehículos que non respectan a limitación de velocidade”.
A presidenta do colectivo veciñal, Mª Rita Iglesias, esixe que se retome o proxecto inicial no que se contemplaba que o tramo de 700 metros pendente de humanización contara con beirarrúas a ambos lados da vía “algo imprescindible para garantir a seguridade de veciños e viandantes, moitos deles peregrinos que realizan o Camiño de Santiago”. Neste sentido apunta que hai espazo suficiente para acometer esta reforma e que non sería necesario ningunha expropiación de terreo nin que se fagan muros as vivendas restantes como se fixera na primeira fase do proxecto.
Rexeitan ademais a creación dunha senda común para peóns e ciclistas de 2,5 metros de ancho nun dos laterais e critican que varios pasos de peóns desemboquen en cunetas ou en accesos a vivendas.
Unhas deficiencias que foron postas en coñecemento do Concello e tamén da Deputación, organismo que segundo denuncia “négase a recibirnos” polo que anuncian a súa intención de paralizar as obras en canto comecen.