O anuncio do goberno local de que vai recorrer a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que, no caso de executarse, privaría aos veciños de Redondela de poder empregar a PassVigo, traslada certa tranquilidade aos usuarios do Vitrasa. Uns usuarios, moitos deles veciños de Chapela, que polo de agora poderán seguir beneficiándose das bonificacións da PassVigo, malia a intención de Vigo de que só poidan gozar dela os empadroados na cidade.
Unhas bonificacións e uns transbordos aos que poden acceder os titulares desta tarxeta que “son imprescindibles para os veciños desta parroquia, que empregan o Vitrasa de xeito habitual para desprazarse a cidade de Vigo por cuestións laborais ou sociais” explica dende a Asociación de Veciños de Chapela, Angela Méndez. Neste sentido apunta que moitos usuarios deste transporte viviron con preocupación a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que permitía ao concello vigués conceder estas tarxetas unicamente a aquelas persoas empadroadas en Vigo “algo claramente discriminatorio e que non se entenden en ningunha cidade do mundo”.
Por ese motivo, celebran a decisión do Concello de Redondela de presentar un recurso de casación ante o Tribunal Supremo “non podía ser doutra maneira, porque é un prexuizo para todos os veciños de Redondela e particularmente para os de Chapela”.
Acollen tamén con satisfacción as aclaracións do goberno local de que a sentenza do TSXG só sería executable no caso de que así o solicite Vigo e que, en todo caso, a lei prevé que o Tribunal poida denegala nesta situación transitoria ao considerarse que a súa inmediata execución poida causar prexuizos de difícil reparación.