A xornada de limpeza, convocada pola Asociación de veciños de Chapela en colaboración con Concello , tiña lugar a finais do pasado mes de setembro e servía para retirar das canle e as inmediacións do río todo tipo de lixo e obxectos. Iniciativas que se repiten periodicamente e que buscan ademais de mellorar o aspecto da nosa contorna, concienciar sobre a necesidade de manter limpos os ríos. A sorpresa chega cando Augas de Galicia lle remite ao colectivo veciñal unha factura en concepto de taxas, algo que cualifican de “inaudito”.
O presidente da Asociación amosa o seu malestar logo de ter recibido a reclamación de 36 euros en concepto de taxas por ter acometido a limpeza do río. Malia tratarse dunha cantidade simbólica non entenden como o organismo dependente da Xunta “non só non fai o seu traballo, xa que deberían ser eles quen se encargaran da limpeza dos ríos, senón que nos pasan unha taxa por retirar o lixo do Maceiras ao seu paso por Chapela”.
Unha limpeza que tiña lugar na última fin de semana de setembro e na que participaron ao redor de 20 veciños, quen retiraron todo tipo de lixo (botellas de plástico, vidros, ferruxe, xoguetes infantís, cordas, rodas ou incluso unha porta dun coche).