Un home de 43 anos de idade resultou ferido grave tras sufrir un incidente co seu propio vehículo na rúa Alexandre Bóveda en Chapela. Os feitos, segundo informa a Policía Local, tiveron lugar ás 19:00 horas do mércores cando o condutor detivo o vehículo na rúa na que reside, e que presenta unha forte pendente, para ir abrir o portal do garaxe, onde tiña previsto aparcar.
Unha vez fora do vehículo decatouse de que este botaba a andar, posiblemente por non ter asegurado o freo de man. Nun intento de deter o vehículo, o condutor tentou abrir a porta e meterse no interior, momento no que o coche colidiu contra unha columna dándolle un golpe no peito. A causa do impacto, caeu no chan cunha forte dor sendo trasladado posteriormente en ambulancia a un centro hospitalario, onde quedou ingresado, posiblemente con algunha fractura nas costelas.