Reforzarase a presenza policial nas entradas e saídas de Redondela para garantir que se respecta o peche perimetral que a Xunta vén de decretar en Vigo e que establece a prohibición de entrar e saír da cidade veciña dende hoxe ás 15:00 horas e ata, aló menos, o martes. Regúlanse tamén as visitas aos cemiterios co gallo da celebración de Todos os Santos o vindeiro domingo e dende a alcaldía recoméndase que, co gallo de protexer aos nosos maiores, se reduzan no posible as visitas aos Centros de Día e Residencias. Digna Rivas fai un chamamento á responsabilidade de todos para tentar cortar o espallamento do coronavirus “ante unha situación complicada e decisiva para frear os contaxios”.
A situación en Redondela mantense estable, en alerta vermella pero sen gromos preocupantes o que non fai necesario novas restricións como as que se veñen de decretar para o Concello de Vigo e as grandes cidades galegas que quedan confinadas perimetralmente e reducen os contactos sociais ás persoas conviventes. Así llo comunicaba o conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, a alcaldesa Digna Rivas na mañá de hoxe. Con todo, dende o Concello optan por facer un chamamento á responsabilidade nunha fin de semana complicada e aconsellan frear a mobilidade para evitar así que o número de contaxios continúe escalando.
Neste sentido, a alcaldesa recomenda “minimizar as visitas aos cemiterios e que, de facelas, sexan de xeito escalonado, fóra das horas punta e evitando aglomeracións”. Tamén se recomenda que as visitas sexan o máis breve posible e se respecten as indicacións en canto ao sentido da marcha, indicacións que xa están visibles nos cemiterios municipais de Mañó e Os Eidos. De cara a cumprir coas medidas sanitarias haberá tamén un operativo especial de Protección Civil e Policía Local, que se estenderá aos cemiterios parroquias para garantir o cumprimento do protocolo da Xunta de Galicia.
Por outra banda insiste na necesidade de evitar viaxes a localidades veciñas “a Vigo xa non podemos ir, pero tamén recomendamos non achegarnos a outros concellos limítrofes para non expoñernos a ningún risco” e, de cara a protexer aos nosos maiores o consello é claro “limitar as visitas tanto a Centros de día como as Residencias de maiores”.