Explican dende o sindicato que se ten producido un incremento notable nalgúns dos servizos e poñen como exemplo a “suba esaxerada na recollida de voluminosos”, un traballo que realiza un único operario “malia terse incrementado un 75% en frecuencias e toneladas”. Ante esta situación anuncian unha campaña de acción sindical sen descartar a vía da denuncia.
A sección sindical da CUT en Urbaser Redondela denuncia que os traballadores da recollida do lixo despois de traballar durante o COVID 19 e malia aumentar considerablemente o volume de traballo, están a padecer “un recorte de persoal que non ten precedentes dende o inicio desta concesión municipal”.
O feito de seren menos persoas traballando, ademais do sobre esforzo, pode derivar segundo denuncian “en que non se podan realizar tódalas labores ou coa mesma celeridade”. A empresa, lonxe de recoñecer o esforzo realizado a exposición durante a pandemia “esta a incrementar unha política de aforro que dubidamos teña repercusión na factura que paga o Concello”.
Apuntan concretamente o acontecido no servizo de recollida de voluminosos, que realiza un só operario e que aumentou un 75%, en frecuencias e toneladas, así como tamén o incremento significativo tanto en volume como en recorrido do reciclaxe, sobre todo de envases. Algo que non se traduce nun incremento de persoal.