Os técnicos do Concello accedían na xornada de onte ao interior desta infraestrutura logo de varios intentos que foran frustrados por parte da Autoridade Portuaria. O obxectivo é comprobar o estado no que se atopa o antigo cargadeiro e rexeitar así tecnicamente, con informes que avalen que a súa recuperación é posible, as pretensións do organismo de Portos que defende a demolición do cargadoiro.
Hai algo máis dun ano a Autoridade Portuaria anunciaba a súa intención de desmantelar o cargadoiro Coto Wagner, alegando que o estado de deterioro que presenta a súa estrutura fai temer o seu derrube e imposibilita a súa recuperación.
Uns argumentos que non convenceron ao concello de Redondela, quen manifestou dende o primeiro momento a súa intención de defender este cargadoiro de enorme importancia como elemento do patrimonio industrial e cultural. Por ese motivo, dende hai meses viñan reclamando o permiso da Autoridade Portuaria para que os técnicos puideran acceder ao cargadoiro e comprobar o estado destas instalacións, algo que ata este luns non fora posible.
O Concello busca avalar con este estudo técnico a viabilidade desta infraestrutura como elemento fundamental do patrimonio Cultural de Redondela. O obxectivo é contar cos informes necesarios para contrarrestar a posición da Autoridade Portuaria e evitar que sexa demolido.
Unhas pretensións que se atoparon tamén co rexeitamento frontal doutros colectivos culturais e sociais, entre eles a Asociación Rande Patrimonio Europeo (ARPE) quen presentou ao Concello unha moción para solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a declaración de BIC para este lugar. Moción que foi aprobada por unanimidade.