Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Limitacións nas celebracións de Nadal: os redondeláns divídense entre defensores e detractores

NadalRedondela

As recomendacións do goberno de limitar a un máximo de seis persoas as reunións en Nadal ten dividida á veciñanza en Redondela. Os máis prudentes están “completamente de acordo” coa medida para evitar contaxios de Covid-19. Outros lamentan estas restriccións xa que, de confirmarse, non lles permitirían pasar en familia “estas datas tan especiais”.

Aínda non é definitivo, pero desde o Ministerio de Sanidade fan unha serie de recomendacións para as celebracións das festas de Nadal. O Goberno propón limitar a seis persoas as reunións familiares e sociais que se celebren durante as festas, e un confinamento nocturno con toque de recollida entre as 1.00 horas e as 6.00 horas os días 24 e 31 de decembro, Noiteboa e Noitevella. O debate está abertos, e hai comunidades autónomas que xa propoñen ampliación o número de persoas a un máximo de 10. No caso de Galicia, o presidente Feijóo propón limitacións por unidades familiares, e non por persoas. E os veciños de Redondela divídense entre os que apoian estas restriccións e os que as rexeitan. Os que defenden estas limitacións poñen por diante “a necesidade de acabar canto antes coa pandemia”. Son moitos os que poñen o foco no que aconteceu despois a Ponte do Pilar, cun gran aumento de casos despois das vacacións nas que se incrementaron os contactos sociais. Yolanda defende todas as restriccións, e que as reunións se limiten aos conviventes para poder poñer fin canto antes a esta pandemia.

Yolanda defende esas limitacións, para evitar un repunte de contaxios despois do Nadal

Claro que non todo o mundo leva tan ben estas recomendacións, e cualifica de “drástica” a limitación das celebracións a 6 persoas, especialmente cando se fala de familias numerosas. O que ten claro xa toda a veciñanza, é que as festas deste ano van ser diferentes “independentemente dos horarios e da limitación de persoas que poñan”. Con todo, Quique e Ángel opinan que un máximo de 6 “son moi poucas” e apostan porque o grupo se amplíe “ata un máximo de 10”. Tamén mozos como Lorena ven “fatal” as limitacións. Entende que as celebracións nas rúas ou nos locais de hostalaría teñen que limitarse, pero rexeita “que non se poida reunir na casa toda a familia se son máis de 6”. Para evitar estas limitacións hai quen apunta como posible solución a realización de test masivos. Deste xeito, se todos os membros da familia fan unha proba PCR que garanta que están exentos do virus, “e non ter que facer máis sacrificios”, como sinala Ángel. Para este veciño sería “moito mellor” facer as probas “e se todos son negativos na Covid-19 poderían xuntarse e celebrar as festas en familia”.

Ángel demanda que se lle fagan probas PCR as persoas que o desexen

Haberá que agardar aínda para coñecer cales serán as restriccións definitivas para o Nadal en cada comunidade autónoma, en función da situación sanitaria do momento. En todo caso, todos os expertos recomentan nestas celebracións “limitar a participación aos membros que pertenzan ao mesmo grupo de convivencia”, evitar ou minimizar as reunións no ámbito social no caso de celebracións do traballo ou amigos e, no caso de celebrarse “deberán ser dun máximo de 6 persoas e preferiblemente no exterior”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará