O Concello de Redondela mercará xoguetes novos para distribuír entre os nenos e nenas das familias do municipio máis desfavorecidas. Unha iniciativa que tamén servirá para dinamizar o comercio local e transmitir valores de igualdade e respecto entre os cativos.
“Para que todos os nenos e nenas, independentemente da situación económicas das súas familias, poidan gozar dun Nadal Feliz”, a Concellería de Servizos Sociais pon en marcha esta iniciativa que permitirá que a situación económica das familias neste tempos de crise sanitaria e económica, non repercuta nos máis pequenos da casa.
Os xoguetes mercaranse no comercio local e serán igualitarios e non sexistas co fin de fomentar a igualdade de xénero dende as idades máis temperás, segundo subliña a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas quen fai fincapé en que esta iniciativa é unha “aposta pola solidariedade e non pola caridade”.
Unha campaña que contribuirá a fomentar valores como a igualdade e non violencia a través dos xoguetes ao mesmo tempo que se promove a dinamización do comercio local, xa que estes agasallos serán mercados nos establecementos do municipio.