O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy reparte 600 euros en premios na XV edición do seu concurso fotográfico. A situación epidemiolóxica, co peche perimetral de Redondela, obrigou a suspender a entrega de premios, prevista para esta tarde no Auditorio da Xunqueira. As fotografías participantes no certame poden verse na sala de exposicións nº1 do Multiusos.
Norberto González, da asociación cultural, destaca “a gran calidade” das fotografías presentadas a esta edición, cun total de 36 participantes que achegaron 135 imaxes. Todas elas poderán verse nas distintas exposicións abertas ao público durante este mes e o vindeiro ano por varias parroquias de Redondela. Desde a organización agradecen aos participantes “o seu esforzo, xa que sen fotos non sería posible seguir organizando esta actividade cultural”. González explica que, á espera de fixar unha nova data para a entrega de premios, a mostra está exposta na sala nº 1 do Multiusos de Redondela, onde permanecerá aberta ata finais de xaneiro 2021. O premio á mellor foto foi para Valentina Martínez, co título “2020”. Na categoría de adultos, onde este ano amplían de dous a tres os premios, o 1º é para “A espera baixo a árbore”, de Ana María García; o 2º premio para Consuelo Amoedo con “Voa alto” e o 3º para Javier Yarnoz, coa imaxe titulada “Migas de Pastor”. Na categoría Xuvenil foi Pablo Gómez o gañador coa foto “Textura”, e o 2º premio corresponde a Noa Sixto con “Museo do Mar Alcabre”.