A iniciativa, que naceu nas redes sociais, ten un funcionamento moi sinxelo: mercar un agasallo para un amigo nalgún establecemento de Redondela, indicar o nome da persoa no comercio e compartilo nas redes. Deste xeito pretenden manter “a ilusión do Nadal” malia que non poidan reunirse con amigos e compañeiros para as celebracións propias destas datas.
A pandemia da Covid-19 está a modificar moitas nas nosas rutinas, tamén nas vésperas do Nadal. As reunións de amigos e compañeiros que se fan tradicionalmente, non van poder celebrarse este ano por mor das restriccións, pero si é posible seguir facendo os agasallos do “Amigo invisible”. Grazas a unha iniciativa promovida por un grupo de mozos de Redondela, xa son ducias as persoas que teñen participado nesta “cadea de agasallos”. O seu obxectivo é “manter a ilusión destas festas”, e para que as restriccións non os limiten, decidiron “reinventarse”, ao tempo que promoven as compras en establecementos locais, como explica Sandra.
O funcionamento é moi sinxelo, e non hai límite de idade nin tapouco de orzamento para facer un agasallo “pode ser desde deixar pago un café nun bar, ata unha TV”. Tan só hai que acudir ao establecemento elixido, facer a compra para o noso amigo, e compartilo nas redes. Un xeito máis de promover os negocios locais, que esta ano atravesan unha situación complicada.
O límite está na imaxinación de cada un, explica Sandra. Ata o de agora participaron máis de 50 persoas, e trinta establecementos. A cadea conta con agasallos en tendas de moda e complementos, xoierías, locais de hostalaría, tendas de plantas e ata na praza de abastos. Con máis de 200 seguidores nas redes sociais como Instagram e Facebook a cadea sigue a medrar. O perfil dos participantes, que nun comezo era de xente nova, está a extenderse xa ao público de todas as idades.
Unha interesante inciativa que, con imaxinación, fomenta o comercio local e supera as barreiras que impón a Covid “para manter a ilusión dos agasallos entre amigos”.