O Pazo de Santa Teresa acolleu este martes un acto organizado pola Asociación de Empresarios de Redondela para recoñecer publicamente “Grazas Redondela” e “Amigo Visible”, dúas propostas a prol do comercio de proximidade que xurdiron nos últimos meses a raíz da situación xerada pola crise sanitaria neste sector. Dúas iniciativas que xurdiron dos veciños e veciñas de Redondela e que reflicten o mellor que nos está a deixar esta pandemia.
A primeira delas, #grazasredondela, púñaa en marcha Luísa Hermida, propietaria do comercio W52, quen escribía no escaparate do seu local unha mensaxe de agradecemento aos veciños polo seu apoio durante a pandemia ao escoller o comercio local para as súas compras. Palabras de gratitude que non tardaron en estenderse aos escaparates de máis de medio cento de comercios do noso municipio.
A outra iniciativa, #amigovisible, xurdía dun grupo de mozos redondeláns que ante as restricións para xuntarse e quedar, decidían reformular o “amigo invisible” que organizaban habitualmente por estas datas. O resultado unha cadea de agasallos nos establecementos de Redondela. O funcionamento consiste en mercar un agasallo para un amigo nalgún establecemento de Redondela, indicar o nome da persoa no comercio e compartilo nas redes sociais. Deste xeito pretenden manter “a ilusión do Nadal” malia que non poidan reunirse con amigos e compañeiros para as celebracións propias destas datas, á vez que promoven o comercio de proximidade.