Os traballos están en fase de licitación, e en xaneiro estarán adxudicados. A concelleira e deputada provincial Olga García confía en que as obras, nun tramo de 700 metros, estean rematadas “a próxima primavera”. O pleno da corporación aprobou onte unha ampliación nos prazos do convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, que expiraba o 31 de decembro. García explicou na sesión plenaria de onte que, ao aprobarse o proxecto de execución o pasado mes de outubro “non houbo tempo para rematar os trámites antes de final de ano”. O trámite foi aprobado cos votos favorables de todos os grupos municipais, agás o PP que se abstivo. A voceira popular foi moi crítica con esta obra que cualifica de “insuficiente” e acusou ao goberno local de non defender “os intereses dos veciños”. Carmen Amoedo lamentou que o novo tramo non conte con beirarrúas “como a primeira fase” e comparou as obras da Deputación en Redondela con outras que se realizan na parroquia viguesa de Beade “onde si levan beirarrúas”.
Todos os grupos rexeitaron os argumentos de Amoedo. Desde o BNG Xoán Carlos González defendeu “o novo modelo” que contrapuxo “ás cacicadas do PP” advertindo que na primeira fase o anterior goberno de Javier Bas “gastou todo o orzamento da obra para facer só unha parte”. Sinalou que este novo tramo será “máis seguro para os peóns xa que se reduce a velocidade do tráfico”
Xoán Carlos González, voceiro BNG
Tamén desde AER rexeitaron as críticas do PP. Roberto Villar avogou por este “novo modelo” que se está a implantar en moitas estradas da provincia con bo resultado.
A concelleira e deputada socialista Olga García foi tallante cos argumentos do PP. Culpou ao anterior goberno dos atrasos nas obras “que xa estarían rematadas se o executivo de Bas non gastara todo o orzamento en facer só a primeira fase”. Acusou a Amoedo de orquestar unha campaña “en contra do goberno” neste asunto, e asegurou que a maioría dos veciños “están de acordo co proxecto da estrada”.
Os traballos contan cun orzamento de 402.000 euros, financiados nun 70% pola Deputación e o 305 polo Concello. O proxecto aposta pola reordenación da mobilidade peonil, ciclista e rodada. O tramo, duns 750 metros, une a PO-2602 co aeroporto de Peinador e a N-550. A senda peonil ciclista terá 2 metros de ancho, e a velocidade de circulación limítase a 30 Km/h. Instalaranse elementos redutores e pasos de peóns sobreelevados. Tamén se soterrarán os cables aéreos e instalarase un novo sistema de iluminación máis eficiente e ecolóxico.