Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, dos 1.035 veciños de Chapela que participaron no cribado do Sergas o pasado sábado, só catro persoas foron positivas en COVID-19 na proba PCR. Un cribado ao que foron chamadas 1.600 persoas desta parroquia redondelá e no que finalmente participaron 1.035. Un 64,69% dos convocados, o que supón un incremento de participación con respecto á convocatoria feita na segunda semana do mes de decembro aos usuarios do Centro de Saúde de Redondela, onde dos 3.000 convocados, asistiu un 50%, 1.509 persoas. O que supón un incremento de preto de 15 puntos na participación.
No primeiro cribado foron seis o número de positivos detectados e no feito en Chapela, dous menos. Unhas probas aleatorias, que o Servizo Galego de Saúde, realiza nun núcleo de poboación concreto co obxectivo de detectar asintomáticos e coñecer a porcentaxe de contaxiados nun municipio, neste caso, o de Redondela, que continúa nunha situación de máxima restrición con peche perimetral, salvo a apertura habilitada para visitar familiares dende a medianoite deste mércores e ata as once da noite do día de Nadal.
Mellora a situación en Redondela
Segundo os últimos datos do Sergas, o número de casos detectados nos últimos 14 días no municipio, foi de 66. Tamén mellora a situación na residencia de maiores de Cesantes, que logo de superar o centenar de usuarios contaxiados no momento álxido de propagación do virus no centro, agora rexistra catro maiores contaxiados, segundo os datos facilitados pola Consellería de Política Social, correspondentes á última hora da xornada do martes.