A partir do 3 de xaneiro os veciños de Pazos de Borbén que teñan problemas de mobilidade ou precisen material ortopédico poderán dispor de dúas camas adaptadas, dúas cadeiras de rodas, tres andadores regulables e tres cadeiras de ducha ademais de tres asentos para o baño. Os interesados poden solicitar o préstamo deste material a través da oficina de Servizos Sociais do concello a partir da próxima semana.
As solicitudes serán atendidas segundo a orde de chegada, pero establecerase un sistema de preferencia en función das necesidades dos solicitantes que serán avaliadas polo departamento. O material comezará a distribuírse a partir do próximo 3 de xaneiro.
A edil de Servizos Sociais, Eloisa Nogueira, explica que a intención do programa de préstamo é servir de axuda en momentos difíciles para os veciños xa que “moitas veces cando xorde a necesidade deste material, o afectado non pode asumir a súa compra e xestionala levaría demasiado tempo. Desta maneira podemos axudar aos veciños que o necesiten de maneira rápida”.
Todo o material foi mercado integramente polo concello de Pazos de Borbén e tivo un custe de 4.000 euros.