O comité clínico da Xunta de Galicia, que se reuniu onte á tarde, decidiu aliviar as restricións en Redondela logo do descenso no número de casos activos de Covid-19. O concello redondelán situarase a partir de mañá mércores no nivel medio alto de limitacións, polo que pasa a formar parte da “améndoa” de Vigo. Os veciños poderán moverse libremente pola cidade olívica e tamén polos Concellos de Nigrán, Gondomar, O Porriño e Mos. Esta nova situación permitirá tamén á hostalaría de Redondela servir no interior dos locais, cun máximo do 30% do aforo, ao tempo que poderá seguir despachando nas terrazas a un 50% de ocupación. O horario de apertura amplíase unha hora, ata as 18.00 h. Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG) este martes 29 de decembro, polo que entrarán en vigor ás 00:00 horas do mércores.
Sanidade reabre a mobilidade en Fin de Ano
Os desprazamentos para encontros familiares volven permitirse para a de fin de ano. A Xunta decidiu permitir a mobilidade para encontros familiares tamén nos municipios con peche perimetral entre as 00 horas do día 30 de decembro e as 23 horas do día 1, mentres que se ampliará o toque de queda ata a 1:30 horas na noite de fin de ano. Son medidas de “continuidade” como as de Noiteboa e Nadal “non de máis flexibilidade”, segundo indicou o conselleiro de Sanidade. Julio García Comesaña pediu outra vez “prudencia e responsabilidade” e insistiu que non se poden facer encontros na rúa, nin fumar nin comer nin beber.