O concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, sinala que o Concello leva meses traballando nun expediente de penalidades “polos reiterados incrumprimentos” da empresa concesionaria da recollida do lixo. O edil comparte as queixas dos traballadores, que denuncian falta de persoal en Urbaser “o que supón deficiencias no servizo que prestan no municipio”. Algunhas parroquias, onde se recolle o lixo en días alternos, poderían quedar ata cinco días sen recollida de residuos “pola falta de reforzo de persoal nos días festivos. O responsable do departamento explica que o contrato con Urbaser, que data de 2017, obriga a empresa a cambiar o día de recollida se este coincide en festivo “algo que non se está a facer”. Tampoco se cumpren outros requisitos do prego de condicións “como o correcto mantemento dos contedores ou a súa limpeza periódica”, sinala Villar.
O concelleiro explica que despois de reiterarlle a Urbaser a súa obriga de cumprir co establecido no contrato, e ante a falta de solucións por parte da empresa, o Concello decidiu poñer en marcha un expediente de penalidades. Trátase dun “extenso informe técnico e xurídico” no que levan traballando desde hai meses. O obxectivo deste expendiente é sancionar á empresa polo incumprimento das condicións do contrato “pero é preciso ser moi minuciosos porque as concesionarias adoitan recurrir estas sancións no xulgado”.
Como exemplo, sinala que “a única sanción que se lle impuxo a Urbaser por parte do Concello de Redondela é de hai 10 anos, e resolveuse hai tan só uns meses no xulgado”.
Roberto Villar rexeita as queixas dos grupos da oposición sobre a falta de xestión do goberno local neste asunto, advirte que se trata dun proceso “longo e complexo” con informes nos que veñen traballando os técnicos municipais desde febreiro. Explica que se trata de procesos xudiciais “aos que o Concello non quere chegar porque restan recursos para poder facer outras cousas”, pero neste caso “non queda máis remedio se a empresa non rectifica e resolve as deficiencias do servizo”. O vindeiro luns, 4 de xaneiro, responsables do Concello e da empresa manterán unha xuntanza para abordar a situación.
Os usuarios deben facer un mellor uso do servizo
Con todo, o concelleiro de Medio Ambiente non culpa só a Urbaser da acumulación de lixo nalgúns puntos do muncipio cando hai xornadas festivas. Villar lembra que tamén é responsabilidade dos usuarios “facer un bo uso do servizo”. Advirte que en ocasións os veciños “botan ao colector residuos voluminosos que non están permitidos ou depositan o lixo en días que non hai servizo de recollida”.
Recoñece que a empresa “está incumprindo cos requerimentos do servizo” pero recoñece que o uso que fan os veciños do servizo “tamén ten que mellorar”.