O grupo municipal do BNG de Redondela súmase ao chamamento da Asociación de Veciños de Chapela para poñer en marcha un calendario de mobilizacións contra a suba da peaxe da autoestrada no tramo Redondela-Vigo. O voceiro, Xoán Carlos González, sinala que se poñen “á súa enteira disposición dos veciños apoiando este tipo de iniciativas”, ao tempo que emprazan “ao conxunto da veciñanza, colectivos e asociacións para sumarse e acadar o obxectivo final da supresión da peaxe en Rande”. O Bloque rexeita as manifestacións do secretario xeral de infraestructuras, do Ministerio de Transporte, nas que afirma que os descontos das Peaxes da AP9 implementaranse no primeiro semestre do ano. Afirman que a supresión debe facerse “xa”.
O BNG de Redondela califica de “labazada á veciñanza” o mantemento da peaxe, que lonxe de suprimirse tal como estaba comprometido subiu de prezo o pasado 1 de xaneiro máis dun 5%, pasando de 0,95 a 1 euro. “É dos prezos máis altos de todo o Estado, unha auténtica estafa á que o goberno de Sánchez non quere darlle solución” aseguran desde o BNG, o que supón “un agravio cara a veciñanza”. González considera que “o PSOE volve a incumprir os seus acordos, ninguneando a Redondela”. Desde o BNG propoñen emprender mobilizacións “como única alternativa”. Critican “a falta de rigor e compromiso amosada unha vez máis dende o PSOE”, con quen o BNG chegou a un acordo para investir a Pedro Sánchez como presidente, a cambio de eliminar este pago. Para os nacionalistas a supresión da peaxe é algo “vital” non só para os usuarios da autoestrada senón tamén para os residentes de Chapela en xeral “xa que se reducirá o tráfico que atravesa a parroquia a diario polas estradas convencionais e mellorará a calidade de vida dos veciños”.
Destacan dende a organización nacionalista que a supresión da peaxe reducirá o tráfico polas avenidas de Redondela e Vigo de varios milleiros de vehículos diarios. Deste xeito “poderase acometer unha verdadeira humanización destos viais mellorando considerablemente a calidade de vida dos veciños e veciñas”, sinalan.