O Concello de Pazos de Borbén acaba de finalizar a renovación de parte da súa rede de alumado público en varias parroquias incorporando tecnoloxía led en substitución das vellas lámpadas de vapor de sodio. En total renováronse 188 luminarias, o que suporá un aforro para as arcas municipais dun 77% do gasto na factura eléctrica deses puntos. A mellora tiña un orzamento de 73.220,28 euros para o cambio de luminarias, que serán amortizados en menos de 3 anos, xa que o aforro na factura eléctrica reducirase en 25.650 euros de media, ao pasar dos 33.550 euros aos 7.700 euros aproximadamente. En termos de potencia eléctrica supón unha rebaixa de 144.418kw/h anuais conforme ao consumo anterior, polo que a mellora ambiental é tamén moi notable. O alcalde, Andrés Iglesias, advirte que o cambio supón “unha redución das emisións de CO2 á atmosfera de 75,24 toneladas ao ano”. As novas luminarias instaláronse nas principais vías e camiños dos barrios de Pousiño, Torrente e Alén, nas parroquias de Borbén e Cepeda. As novas lámpadas, ademais de ser máis eficientes, tamén descenden notablemente a contaminación alumínica xa que unha das vantaxes da tecnoloxía led é que concentra a luz sobre unha zona moi definida, algo que non lograban as antigas farolas, e que tamén suporá unha mellora en canto a seguridade viaria ao mellorar as condicións de iluminación das estradas do municipio.