Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O I Certame Literario Manolo Barros implica á mocidade na Memoria Histórica

CertameBarros

O Colectivo Republicano de Redondela, en colaboración co Concello de Redondela e as librerías La Imprenta e Moliere, convoca a primeira edición dun certame literario dirixido a estudantes da ESO e Bacharelato. Os participantes deberán abordar nos seus escritos “O papel da muller na construción das liberdades”. O colectivo puxo en marcha esta iniciativa o ano no que celebran o 20 aniversario da asociación para dar “un paso máis” no coñecemento e promoción dos valores republicanos e a historia contemporánea, sobre todo entre os máis novos, segundo explica Marco Santos “Lareira”.

Marco Santos “Lareira”, do Colectivo Republicano

Establecen dúas categorías, unha para o alumnado de 12 a 15 anos, e outra para os de 16 a 18 anos de idade. Os escritos poden presentarse na modalidade de poesía, prosa ou teatro. O certame tivo moi boa acollida nos institutos de Redondela, e tamén entre colectivos da Memoria Histórica, xa que o traballo serve non só para achegar aos rapaces á Historia “senón tamén para animalos a falar cos seus pais e avós sobre episodios do pasado familiar, e promover a comunicación interxeracional”, sinalan.

Os textos poden ser de ficción ou recreacións de conversas con familiares ou coñecidas “sobre como foron construindo un futuro máis igualitario para todas”. Poñen o foco no papel das mulleres na historia, logo de que o Concello declarase o pasado 2020 “Ano das mulleres de San Simón” en recoñecemento “ás veciñas que axudaron aos prisioneiros na illa durante a guerra civil e a posguerra”. A pandemia da Covid-19 obrigou a suspender os actos programados, e está previsto que se celebren ao longo deste 2021 se a situación sanitaria o permite.

Os traballos, que deben estar escritos en lingua galega, poden presentarse ata o 31 de xaneiro, con envío ao enderezo electrónico rcolectivorepublicanoredondela@gmail.com. O fallo do premio coñecerase o 14 de abril. Os gañadores recibirán un vale de 100 en material escolar a canxear nas librerías La Imprenta e Moliere.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará