Malia que se programara trasladar a celebración da feira do día 21 deste mes ao 23 para que coincidise con xornada non lectiva e así pechar a Avenida Mendiño ao tráfico e dispor de máis espazo no que instalar os postos, O Concello vén de informar que os “preocupantes datos sobre o incremento de casos por COVID obrigan á súa suspensión por motivos de seguridade e de responsabilidade”. Unha mercado que nos últimos tres meses só se celebrou o día seis de xaneiro, coincidindo co festivo de Reis.
A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que Redondela está en nivel de restrición máxima o que supón, entre outras cousas, o peche perimetral polo que, “facer unha feira nunha situación como esta sería unha irresponsabilidade dende o punto de vista sanitario”. Rivas recoñece o prexuízo que causa a suspensión da feira, como elemento de dinamización na economía local que é, entre a veciñanza, o comercio local e ambulantes pero os datos de positivos, 118 segundo as últimas cifras da Consellería de Sanidade do martes, 19 de xaneiro, “obrígannos a adoptar medidas coma estas que non son doadas de tomar”.
A rexedora local fai un chamamento aos veciños “a extremar as medidas de prevención nun momento moi complicado, con números que nos sitúan preto do mes de marzo do 2020 e que precisan da colaboración, sensatez e responsabilidade de toda a cidadanía”.