A nova varredora utilizarase para realizar a limpeza nas zonas urbanas do municipio, o que permitirá ás brigadas municipais reforzar a limpeza viaria nas parroquias. O vehículo foi entregado onte ao Concello en presenza da alalcadesa, Digna Rivas e os concelleiros de Vías e Obras e Limpeza Viaria, Vicente Lamas e Alberto Álvarez, respectivamente. A rexedora local salienta que grazas a esta máquina haberá máis persoal dispoñible para o servizo en diferentes puntos do municipio. A varredora “permite unha limpeza a fondo das zonas urbanas, combinando versatilidade, rapidez e economía” apunta Rivas. Amais de limpar cun sistema que combina o varrido e o aspirado coa pulverización de auga, está equipada cun sistema de fregado “capaz de eliminar as manchas de aceite” e mesmo pode utilizarse puntualmente para combatir as xeadas “xa que pode ser dotado dun sistema de estendido de salmoira”, sinalan desde o goberno local. Rivas subliñou o feito de que o sistema que utiliza este novo vehículo “é totalmente respectuoso co medioambiente xa que a auga asegura a contención do po e emisión de aire limpo e, a maiores, posúe un sistema de illamento que minimiza os impacto acústico”. Salienta a alcaldesa que está é “unha aposta pola limpeza viaria” para a veciñanza, e tamén para dar “boa imaxe” aos milleiros de peregrinos que todos os anos pasan por Redondela e que neste 2021, Ano Santo Compostelano “se intensificará aínda máis”.