O número de contaxios en Redondela rexistra hoxe o pico máis elevado desde que comezou a pandemia, con 141 casos activos. A cifra supera a marca rexistrada o pasado 24 de novembro, en plena segunda onda, cando se rexistraron 133 contaxios. O incremento é semellante ao que se rexistra no conxunto de Galicia, e que está a afectar tamén aos centros de ensino e residencias. En Redondela os novos contaxios obrigaron a pechar dúas aulas do IES Mendiño, correspondentes ao 1º de Bacharelato. En total son 10 casos os postivios por Covid-19 entre o alumnado do centro. O director, José Antonio Martínez, explica que os protocolos da Consellería de Educación obrigan ao peche das aulas cando se rexistran máis de 3 casos nun grupo, todos os alumnos da clase deben confinarse na casa, como medida preventiva, e serán sometidos a probas PCR.
O incremento de casos despois das festas de Nadal e Aninovo, tal como auguraban os expertos, está a provocar esta terceira onda do virus con altas cifras de contaxio. “O alumnado non é alleo a esta realidade social”, explica Martínez, e os contaxios producíronse durante as vacacións escolares “precisamente cando non estaban no instituto”.
O peche destas dúas aulas obriga ao centro a redobrar os esforzos para seguir impartindo o ensino a distancia para este alumando durante os vindeiros días. A situación supón “un reto” para o profesorado “que deberá combinar o ensino en liña coas clases presenciais para os estudantes que seguen no centro”. Un problema engadido é a falta de equipamento xa que, segundo unha enquisa realizada polo instituto, un 30% do alumnado non dispón de ordenador na súa casa. Outro atranco son as dificultades de conectividade que existe nalgunhas parroquias do municipio “onde os alumnos non dispoñen dun ancho de banda axeitado para as clases online”
No conxunto de Galicia vívese tamén un repunte de casos nos centros de ensino, onte rexistrábase unha nova marca de contaxios con 2.461 en total, con 103 aulas en corentena. Os centros pechados na súa totalidade son 6, todos de Educación Infantil.