O peche metálico do patio dun edificio da rúa AlfonsoXII saíu voando
A borrasca que afectou a Galicia esta pasada noite e madrugada deixou tamén numerosos danos en Redondela. Con refachos de vento de ata 100 quilómetros por hora, Hortense provocou a caída de árbores, cables de alumeado e mesmo pancartas publicitarias. Ata a Casa do Concello se viu afectada polo temporal. O peche do patio interior dun edificio da rúa Alfonso XII saíu voando, e as placas metálicas impactaron contra o tellado do Concello, para precipitarse despois ao chan. O suceso produciuse ás 12 da noite, aproximadamente, e non produciu danos persoais, pero si desfixo parte do tellado do edificio consistorial. No Concello traballan agora na avaliación dos danos.
Policía Local e o servizo de emerxencias SEIS traballan na retirada de árbores caídas en Chapela, San Estevo de Negros e outras parroquias, que dificultan a circulación en varios camiños. Desde a Policía Local informan que non se produciu ningún dano persoal, e que todas as vías principais de circulación están abertas ao tráfico.