Aseos para persoas con mobilidade reducida, un vestiario para árbitras, vestiarios dos equipos reformados e un aseo para o público. Estas foron algunhas das melloras que se realizaron no campo de fútbol do Viso-Tuimil, a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Una reforma, inaugurada este venres pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o deputado Carlos Font, xunto a deputados e membros da corporación local, que supón rematar co proxecto de renovación do campo de fútbol que se iniciaba o pasado ano coa colocación de céspede artificial.
As obras supuxeron o acondicionamento dos dous vestiarios dos equipos, a construción dun aseo para o público con acceso dende o exterior ademais de dous baños adaptados para persoas con mobilidade reducida. Tamén se habilitou un vestiario para as árbitras, “un paso máis a prol da igualdade”. Ademais de reformar a grada para facela máis accesible eliminando as barreiras que reducían a mobilidade do público.
Mellora da seguridade viaria e o acceso ao rural
Cos fondos do Plan Concellos, tamén se realizaron obras de mellora na intersección das rúas Telmo Bernárdez, Isidoro Queimaliños e Cruceiro, no que se instalaron redutores de velocidade e un sistema led intelixente de advertencia, ademais da sonorización dos semáforos para incrementar a seguridade dos peóns que circulan por este tramo da rede viaria redondelá, polo que pasa o Camiño de Santiago. Unhas obras que contaron cun orzamento de preto de 45.000 euros.
A estes traballos, hai que sumarlle os realizados no camiño Veiga dos Eidos co camiño do Piñon, en Cesantes, onde se ancheou o primeiro tramo para facilitar o acceso ás vivendas do lugar. Tamén se renovou o colector principal e acometidas de augas fecais en mal estado. Rehabilitouse o firme de todo o tramo e naqueles lugares do camiño onde só había terra.
Tres obras, que supuxeron o investimento de 145.800 euros, e son, segundo a alcaldesa de Redondela e o deputado Carlos Font, un exemplo de colaboración entre institucións “para mellorar a vida das persoas”.