Tanto o equipo de División de Honra Prata como os dous conxuntos de Nacional remataron a xornada con triunfo. A SAR Rodavigo impúxose no derbi galego ao Carballal, o Rodosa Chapela venceu ao Lavadores e a SAR Plastic Omnium superou ao Reconquista de Vigo.
División de Honra Prata Feminina
SAR Rodavigo 26-22 Carballal
As de Elisardo González “Chini” impuxéronse ao conxunto vigués.O derbi galego comezou con dúbidas por parte do conxunto redondelán, pero con boa actitude e gran traballo defensivo remontaron a diferenza de 4 goles que adquiriran o Carballal. Na próxima xornada a SAR Rodavigo viaxa a León, visita complicada.
Primeira Nacional
Lavadores 28-29 Rodosa Chapela
O equipo de Teixeira sufriu máis do previsto para imporse ao conxunto vigués nun partido disputado na pista do Lavadores. O encontro estivo marcado pola igualdade, a pesar da teórica superioridade da escuadra chapeleira, na segunda na táboa e favorita a pelexar por entrar na fase de ascenso. Durante moitos minutos dominou no marcador o equipo dirixido por Adrián Teixeira, pero os locais achegáronse nos minutos finais. Estiveron preto de puntuar, pero finalmente impúxose o Chapela.
SAR Plastic Omnium 29-24 Reconquista de Vigo
A formulación do partido proposto polo adestrador e a disciplina mostrada polos xogadores non deron opción ao equipo visitantes e os dous puntos quedaron na Bomboneira. Para Pablo Muiños, o acerto en portaría e paciencia no xogo foron aspectos determinantes á hora de lograr os dous puntos. Actualmente o equipo atópase no sexto posto da clasificación con 14 puntos. A semana que vén, xogarán o seu último partido da primeira volta contra o líder da categoría, o Balonmán Xiria.