A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuniuse por videoconferencia coa Asociación de Afectados pola AP-9, veciños de Trasmañó, representantes dos empresarios de Redondela e coa ANPA do IES de Chapela. Vázquez puxo de manifesto a problemática xerada “pola falta de avances do goberno central respecto ás actuacións complementarias ás obras de ampliación da AP-9 comprometidas en Chapela, ademais de pola falta de concreción sobre as previsións para a supresión da peaxe de Redondela”. A conselleira lamenta que o executivo de Pedro Sánchez non avance na reposición dos viarios, na reforma da ponte de Trasmañó e na instalación das pantallas acústicas “especialmente importantes pola Covid, ao ser necesario manter as ventás abertas”. A Xunta comprometeuse cos veciños de Redondela a “insistir” para que o goberno central “atenda dunha vez por todas as súas máis que xustas reivindicacións de medidas compensatorias polas obras da AP-9 e a supresión da peaxe”.
Vázquez Mourelle explicou que a Xunta “a pesar de tela demandado de forma insistente, non ten información por parte do Ministerio” xa que desde novembro de 2018 non se convoca a Comisión conxunta sobre a AP-9 para abordar estes asuntos. En canto á supresión da peaxe entre Redondela e Vigo, comprometida desde 2018, advirte que os Orzamentos Xerais do Estado de 2021 recollen unha partida específica de 1,53 millóns de euros para liberar a peaxe “pero os veciños seguen agardando”. Subliñou que os residentes de Redondela e as empresas da zona “están vendo lastrada a súa competitividade por esa peaxe inxusta”.