A terceira onda da Covid está desbocada na comarca de Redondela, ao igual que no resto de Galicia e no conxunto do Estado. As duras medidas de restricción decretadas pola Xunta, e que entran mañá en vigor en toda a comunidade, tentar frear a curva ascendente de contaxios. Establécese o peche perimetral en todos os Concellos galegos, só se permiten reunións de conviventes, o comercio non esencial debe pechar ás 18.00 horas, peche total da hostalaría (só pode ofrecer comida para levar), e peche tamén de centros culturais e sociais, bibliotecas, museos, etc.
Na comarca os contaxios de Covid-19 incrementáronse moito nos últimos días, coas peores cifras desde que comezou a pandemia. En Redondela hoxe os datos do Sergas apuntan 177 casos activos, son 60 máis que hai unha semana, cunha incidencia acumulada de máis de 560 casos por cada 100.000 habitantes. A alcaldesa, Digna Rivas, fai un chamamento á veciñanza “para que cumpra escrupulosamente con todas as normas”, para tentar atallar a curva ascendente de contaxios xa que depende “da responsabilidade individual de cada un”.
Desde o Concello de Redondela suspéndense as actividades culturais e pechan os multiúsos de Chapela e Redondela, pavillóns e pistas deportivas, e tamén os parques infantís “para evitar a reunión de persoas non conviventes”.
No municipio veciño de Soutomaior tamén se incrementaron notablemente os casos, cun total de 69 persoas contaxiadas, son 45 máis que as que se rexistraban hai unha semana, e a incidencia acumulada dispárase aos 900 casos por cada 100.000 habitantes. Unha situación que preocupa moito ao alcalde, Agustín Reguera, quen asegura que desde o Concello xa teñen feito “todo o que está na súa man” para atallar a onda de contaxios. Antes das restriccións anunciadas pola Xunta de Galicia o goberno local xa decidira suspender a feira de Arcade, e tamén o peche de parques infantís. Lamenta o rexedor que, polo de agora, estas medidas non estean a dar resultado “o resultado desexado” e confía en que as restricións das próximas tres semanas sirvan para frear o virus. Por iso pide “responsabilidade” aos veciños e “que queden na casa”.
No caso de Pazos de Borbén o gromo nunha residencia dispara os datos do municipio. Dos 31 contaxios que rexistra o Concello, a maioría están localizados no fogar de anciáns Mi Casa, con 22 casos entre residentes e traballadores. O alcalde, Andrés Iglesias, pide “moita prudencia” á veciñanza e que todos “cupran de maneira estrita as normas” xa que será a única maneira “de vencer ao virus”
O empeoramento dos datos, aínda que máis leve, tamén se rexistra en Fornelos de Montes, un municipio que ata hai pouco estaba libre do virus e que agora rexistra 5 infectados.
As medidas de restricción anunciadas pola Xunta, que son efectivas a partir desta media noite, estarán en vigor durante tres semanas, ata o 16 de febreiro.