O secretario xeral do PsdeG asegurou, este xoves en Redondela, que “nos próximos meses”, haberá un acordo para a supresión da peaxe da AP-9 entre o noso municipio e Vigo así como unha “rebaixa histórica” nas peaxes. Explicou que a supresión da taxa e a bonificación das peaxes ten “vocación de permanencia ata 2048″. Caballero reclamou á Xunta que “contribúa” economicamente á aplicación do acordo, xa que o PP, dixo, é o “responsable” de que a concesión estea prorrogada até esa data.
Declaracións, que facía Gonzalo Caballero logo de reunirse coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quen celebrou que este ano se vai a tomar unha medida “histórica” para este municipio, como é a “supresión da peaxe cara a e desde Vigo”. Segundo puntualizou, esta decisión adoptouse “do único modo posible, por moito que digan”, que é dotando os recursos necesarios nos Orzamentos Xerais do Estado.
Unha xuntanza, na que o líder dos socialistas galegos reiterou que “nos próximos meses” haberá un acordo para que a supresión da peaxe se faga efectiva e explicou que a negociación busca un acordo “con vocación de permanencia até 2048″, data en que expira a concesión, para que se manteña. Caballero engadiu que lles “gustaría que non houbese ningún pago, pero un goberno de Aznar condenou a facelo, e para que non sexa así hai que pór fondos”. Responsabilizou aos populares de que o pago da peaxe se prolongue ata 2048 e por iso considera que a Xunta debería “estar a contribuír” para poder aplicar esas bonificacións.
O líder dos socialistas galegos fixo fincapé en que o Goberno de Pedro Sánchez incluíu 63 millóns de euros nos Orzamentos Xerais para financiar esas bonificacións, e tanto PP como BNG votaron en contra desas contas.
Con respecto á negociación con Audasa e á posibilidade de que esta se vexa condicionada pola reclamación de compensacións debido á caída do tráfico durante a pandemia de COVID, o secretario xeral do PSdeG apostou porque o Goberno manteña a “presión” sobre a concesionaria, para “quitarlle calquera cheque en branco”.