O Conservatorio Víctor Ureña e o Multiúsos do Piñeira de Chapela substituirán as súas actuais caldeiras de gasoil por outras de biomasa. A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou o investimento duns 95.000 euros para estes traballos de mellora enerxética en Redondela
Fernández-Tapias mantivo onte por videoconferencia un encontro coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, á que informou sobre a concesión dunha achega de 53.490 euros para no Conservatorio e de 42.792 para o Multiúsos de Chapela. Estas caldeiras de biomasa utilizan como fonte de enerxía combustibles naturais como os pellets de madeira, ósos de oliva, residuos forestais, cascas de froitos secos, etc. para xerar calefacción. Deste xeito a delegada da Xunta quixo manifestar “a aposta do Goberno galego por unha Galicia máis verde, fomentando o uso das enerxías renovables e cunha maior eficiencia enerxética”.
Convocatorias abertas para empresas e autónomos
Tamén están abertas dúas convocatorias para impulsar as enerxías renovables e a eficiencia enerxética nas empresas. Trátase, en concreto, da liña de axudas para proxectos de empresas e autónomos do sector agrícola primario que contan cun orzamento de 2,5 millóns de euros, o que facilitará a mobilización dun investimento final público-privado de 8,5M€ en aproximadamente 200 iniciativas. Promoveranse instalacións de biomasa, biogás, aerotermia, xeotermia, solar térmica, fotovoltaica e eólica, así como actuacións de mellora da eficiencia que reduzan o consumo inicial en polo menos un 40% en proxectos de iluminación ou nun 10% no resto de iniciativas.
Tamén está aberto o prazo para solicitar axudas para realizar proxectos de aforro e eficiencia enerxética en empresas dos sectores industrial e de servizos. Destinaranse 10M€ co obxectivo de mobilizar máis de 42M€, e propiciar un aforro enerxético equivalente a nove millóns de litros de gasóleo ao ano, así como un aforro económico de 7M€ anuais nas facturas enerxéticas e a creación de 340 empregos.