A Asociación de Veciños de Chapela denuncia o grave estado de deterioro de varios camiños da parroquia. Ángela Méndez, voceira do colectivo, sinala que viais como o Camiño das Ánimas, do Subido e Penisal supoñen “un verdadeiro perigo para peóns e conductores”. Lembra que estes viais foron arranxados hai máis de dous anos, pero o resultado “non foi o esperado”. O firme era “totalmente esvaradío”, o que sumado á pendente destes camiños provocaba “continuos accidentes” tanto con caídas de peóns como colisións de vehículos. Méndez explica que “como solución de urxencia” o Concello realizou unhas obras que consistiron en fresar o firme “cunha serie de regos” para gañar adherencia. Os veciños entenden que esta medida debería ser algo “provisional” antes de facer un novo asfaltado “en condicións”. Máis dun ano despois, a situación lonxe de mellorar “empeorou”, xa que o fresado do asfalto co paso de tempo “formou grandes fochancas e buracos que supoñen un grave perido para viandantes, coches, bicicletas o motos”.
No Camiño da Formiga, onde non se realizou o rozado do asfalto, o firme segue a ser moi esvaradío e provoca problemas para peóns e vehículos. Desde o colectivo veciñal afirman que xa esperaron tempo “máis que suficiente” e advirten que a pacidencia “esgótase”.
Reposición dos camiños afectados pola AP-9
O Camiño de Pasán é outro dos viais da parroquia en mal estado. As obras de ampliación da AP9 provocaron danos que deixaron este camiño en malas condicións. A día de hoxe está practicamente sen asfalto, con numerosas fochancas, e os días de chuvia “é unha lameira”, sinala Méndez. Os veciños lamentan que se permitira a inauguración da autoestrada hai dous anos “sen repoñer os servizos afectados e sen cumprir coas melloras comprometidas na parroquia”.
A reparación do Camiño de Pasán está incluída dentro da adenda que, malia estar aprobada desde hai máis dun ano, aínda non se executou.