A evolución da situación epidemiolóxica preocupa no Concello de Soutomaior, onde os casos da Covid-19 non deixan de medrar nas últimas semanas. Onte superaron os 100 casos activos, polo que o alcalde, Agustín Reguera, solicitou ao Sergas un cribado masivo para detectar posibles asintomáticos, e coñecer “o alcance real da pandemia entre a veciñanza”. O cribado realizarase no municipio de Soutomaior ao longo da próxima semana, e serán citados veciños con idades comprendidas entre os 40 e os 79 anos. Serán chamadas aproximadamente unhas 3.000 persoas, o que supón algo máis dun 40% da poboación. Para participar nas probas é preciso ser citado previamente polo Servizo Galego de Saúde. Aínda que a proba é voluntaria, o alcalde quixo recalcar a importancia de asistir á convocatoria para axudar a coñecer a incidencia real do virus no municipio. “É moi importante que todos os citados acudan ás probas, pola súa propia seguridade, pola das persoas que os rodean e pola de todos os veciños”, indicou Reguera. Os resultados das probas comunicaranse persoalmente a cada veciño por parte do Sergas, que aínda non confirmou se someterá á poboación do cribado a unha PCR ou se farán test serolóxicos.