A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos para afianzar o posicionamento do Castelo de Soutomaior como un dos grandes focos de atracción turística da provincia e Galicia. Neste caso, vén de aprobar a posta en marcha dun novo contrato para a reparación do muíño de auga do Castelo, datado na década dos oitenta do século pasado, para acondicionalo e conseguir volver a poñelo en funcionamento. As obras, dotadas cun orzamento de 10.000 euros, contemplan a reparación ou substitución de pezas, así como os tratamentos necesarios para o acondicionamento do muíño e a súa posta en marcha. O muíño, situado ao pe da pista de terra que da servizo á capela e que conduce ata a “cadeira da Marquesa”, estaba destinado ao aproveitamento hidráulico da auga. Coa reparación que vai acometer estes meses a Deputación de Pontevedra prevese solucionar os problemas orixinados polo paso do tempo para recuperar un elemento máis, propio da arquitectura popular galega, no castelo de Soutomaior.