Os veciños do barrio de Portocabeiro esixen ao Concello de Redondela que remate as obras de saneamento no lugar do Campiño, e demandan que sexan as arcas municipais as que asuma o valor total das acometidas “dado que as obras están a facerse nunha vía de propiedade municipal”. Amante Romero, o secretario do colectivo veciñal “Coto da Arca” lembra que os enganches das vivendas ao saneamento (39 vivendas na zona sur e outras 40 na zona norte) “xa estaban aprobados nos dous proxectos”. Denuncian que a obra xa se estea finalizando, co formigonado das arquetas, e o asfaltado dos camiños “e terán que volver a romper todo de novo para facer os enganches ás casas”. Romero explica que os veciños xa tiveron que pagar as obras de melloras até o límite das súas propiedades “por norma vén pagando por cada enganche 1.200 euros”, cantidade que se incrementaría “como mínimo en 600 euros máis” pola acometida. Advirte que os veciños néganse a pagar esa cantidade e que renunciarán a conectarse ao saneamento. Explica que teñen constancia que todas as obras de saneamento feitas no Concello de Redondela “foron realizadas incluíndo as arquetas de enganche”, e non aceptan ser tratados “como veciños de segunda clase”. Desde a Concellería de Medio Ambiente xa informaron aos veciños que a norma que obriga aos particulares a sufragar ese gasto foi introducida no Regulamento no ano 2014, xunto cos outros cambios, cos únicos votos a favor do PP que entón gobernaba. Con todo, Romero advirte que se os proxectos das obras foron aprobados posteriormente incluíndo esas acometidas “deben facerse como estaba previsto”. Desde o BNG defenden tamén que as obras se fagan con cargo aos fondos municipais. Os nacionalistas ofrecen o seu apoio ao goberno local para que se modifique o Regulamento e que os particulares non teñan a obriga de pagar os gastos das acometidas.