O goberno redondelán responde así ás declaracións do PP local que aseguraba esta semana que o Concello de Redondela non solicitara estas axudas nas últimas convocatorias ou que o fixera a piques de que rematase o prazo, o que supuña “quedar sen opcións reais de beneficiarse delas” xa que se outorgan por orde de presentación.
Dende a Concellería de Servizos Sociais explican que remitiron “en tempo e forma” toda a documentación precisa para acollerse a este programa da Xunta de Galicia que permite a contratación durante un ano de mulleres vítimas da violencia machista para realizar labores en obras ou servizos de carácter social. En Redondela esta achega permitiría a contratación de catro mulleres.
Acusan ao PP local “de confundir á poboación” sobre un tema “de extraordinaria sensibilidade e co que o executivo local está plenamente comprometido”. Aseguran que a solicitude foi enviada moito antes de que remate o prazo, o vindeiro 11 de febreiro, “logo de estudar, polo miúdo, o encaixe das contratacións a realizar para evitar calquera tipo de irregularidade” e que o PP o podería comprobar, di a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, consultando a documentación á que teñen acceso.
Rivas asegura que “a loita pola igualdade e a eliminación da lacra que supón a violencia machista” é unha das súas prioridades de Goberno e, nesa liña, acollerase a todas as medidas, como é este tipo de subvencións, que permiten que as mulleres obxecto de violencia machista “poidan recompoñer as súas vidas dende a independencia económica que lles proporciona un traballo digno”.