O Concello de Soutomaior está a traballar para acometer a limpeza das súas franxas de protección contra incendios antes deste verán. Até o momento o consistorio xa xestionou un total de 1.100 convenios con propietarios para realizar a limpeza das súas parcelas de xeito subvencionado. Isto supón que máis de 73 hectáreas de superficie estarán libres de maleza e especies que espallan o lume con facilidade, como eucaliptos, acacias ou piñeiros. As tarefas de limpeza xa se realizaron en 816 propiedades en franxas de protección ao redor dos núcleos de poboación, o que suma un total de 60,36 hectáreas. Principalmente trátase de pequenas parcelas rozadas de forma manual, xa que as propiedades de maior tamaño, na súa maioría conveniadas coas comunidades de montes, limparanse con tractores e outros medios mecánicos. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, explicou que a xestión de convenios entre a entidade encargada da limpeza, SEAGA, e os propietarios das parcelas “van a bo ritmo” polo que en poucas semanas “unha parte moi importante das franxas estarán en perfectas condicións antes da chegada do verán”. Reguera sinala tamén que deste xeito os veciños benefícianse dun prezo moi económico “cunha tarifa neste convenio de 30 euros cada mil metros cadrados que se limpan”. Do mesmo xeito, xa comezaron a realizarse as execucións subsidiarias nas 44 parcelas que non contan cun propietario coñecido. Cando finalicen, comezarán a executarse as limpezas nas parcelas cuxos propietarios non se fixesen cargo da xestión da biomasa, o que poderá carrexar diferentes sancións.