Na primeira fase, os traballos centraranse en incrementar a accesibilidade e seguridade dos peóns. Unhas obras que teñen como obxectivo rematar coas deficiencias que presenta esta vía con beirarrúas con roturas en varios puntos, falta de continuidade e con elevacións de ata 30 centímetros o que dificulta o tránsito de peóns, especialmente, ás persoas con mobilidade reducida. Eivas, ás que hai que sumarlle o mal estado do firme e o perigo que supón unha curva que presenta unha excesiva pendente o que obriga aos vehículos a invadir o carril contrario.
Persoal da Deputación de Pontevedra traballa estes días nas obras de mellora na rúa San Xoán de Arcal, traballos solicitados polo Concello de Redondela á administración provincial ante as numerosas deficiencias que presentaba esta rúa tanto para a circulación de vehículos como o tránsito de persoas.
A primeira fase en execución céntranse na elevación das arquetas de recollida de augas para evitar asolagamentos e a limpeza das que están obstruídas. Algunhas delas están cubertas por asfalto dende hai anos o que impide a evacuación das augas pluvias da vía. Tamén se actuará sobre as beirarrúas co fin de mellorar a accesibilidade e a comodidade dos viandantes e garantir, así, a súa seguridade. Nesta liña, estanse a colocar tubaxes nas beiravías para, posteriormente, cubrilas e facelas transitables.
A alcaldesa Digna Rivas, adiantou que cara ao verán, “acometeranse obras de máis calado” como a rebaixa da inclinación da curva para facela máis segura así como o asfaltado da rúa eliminando as fochancas e os numerosos parches producido pola realización de obras de condución.