A situación meteorolóxica da fin de semana estivo marcada polo forte temporal de vento e chuvia. A borrasca Karim deixaba alerta laranxa, e desde o servizo de Protección Civil de Redondela activouse un operativo especial de retén para atender as emerxencias, tanto na noite do venres como na xornada do sábado. As actuacións foron, como é habitual nestes casos, por arbores caídas e zonas anegadas de auga. Desde a Policía Local tamén informan da caída dun poste de telefonía no barrio da Nogueira, no Viso, e dunhas uralitas no camiño Loural, en Cesantes. Afortunadamente non houbo que lamentar ningún dano persoal.
Corte no subministro de auga en Chapela
Por mor do temporal o depósito de auga de Candeán (Vigo), que abastece de auga o barrio de Parada en Chapela, quedou sen abastecemento eléctrico na tarde do sábado. A avaría deixou sen sen abastecemento de auga a esta zona, onde se atopa o Centro de atención de persoas con diversidade funcional CAPD de Chapela, e afectou tamén a pequenos grupos de vivendas da zona alta de Trasmañó. Sobre as 21.00 horas do sábado quedou arranxada a avaría eléctrica e restableceuse o subministro de auga.