O aparcadoiro público da Xunqueira, situado no centro da vila de Redondela, elimina o persoal encargado da supervisión e control das instalacións na quenda de noite. Isto implica que entre as 23:00 e as 07:00 horas a supervisión será realizada por unha empresa de seguridade por medio de videocámaras. Un cambio no funcionamento do aparcadoiro que é seguido con “preocupación” dende o BNG de Redondela. O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, advirte que ante calquera continxencia “os usuarios do aparcadoiro unicamente poderán empregar un comunicador, co que claramente se deteriora a atención e o servizo que se debe prestar”. González lembra que se trata dunha concesión privatizada, un aparcadoiro de carácter público, polo que entende que existe “unha responsabilidade municipal”. O aparcadoiro, con capacidade para uns 400 vehículos, ten cuberto ao redor do 60% das prazas por veciños aboados en diversas modalidades. O edil do BNG sinala que a crise da Covid-19 “non pode ser o xustificante para esta redución de atención e de, como mínimo, un posto de traballo”. A concesión, realizada en 1994, recolle que se trata dun aparcadoiro de carácter público e que o Concello “reserva a potestade de realizar todo tipo de trámites administrativos ante calquera modificación do mesmo”, sinala González, quen apunta que agora estanse cambiando as condicións “pois a atención durante as noites modifícase substancialmente”. González empraza aos usuarios a presentaren reclamacións por escrito no rexistro do Concello, para reverter esta situación.