Imaxes dun sumidoiro e dunha arqueta nunha rúa do centro da vila
A vertedura de toalliñas húmidas e outros residuos ao inodoro está a provocar afeccións nas canalizacións dos sumidoiros de Redondela. Como en moitas outras vilas e cidades existen cada vez máis problemas polos atascos na rede de tubaxes e desaugadoiros. De feito, en momentos puntuais de choiva intensa como o das pasadas semanas, os sumidoiros atáscanse e xorden problemas de inundacións. A todo iso hai que sumar, en menor medida, que coas toalliñas están a empezarse a mesturar as máscaras cirúrxicas. Cando os operarios acoden para resolver algunha incidencia atopan tamén outros desperdicios como produtos de hixiene feminina, chapas ou paquetes de tabaco. Por todo iso, a concellería de Medio Ambiente fai un chamamento para que non se tiren este tipo de elementos ao inodoro. O concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, reitera que estes elementos de protección debe ir ao cubo de residuos “non ao inodoro”. Para tentar atallar este problema a concellería porá en marcha unha campaña de inspeccións informativas en edificios do cetro de Redondela para concienciar á veciñanza. Nun primeiro momento estes controis terán carácter informativo, non sancionador.
Este tipo de residuos, así como restos de comida que acaban tamén polo desaugue, provocan moitos problemas no medio ambiente, e tamén na EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) de Redondela. O lixo, que se acumula nos sumidoiros, provoca atascos e favorece tamén a proliferación de pragas de cascudas e ratas, que supoñen un problema de saúde pública.
Un estudo da asociación ecoloxista Greenpeace sinala que a compra de toalliñas húmidas aumentou un 50% desde que comezou a crise da Covid-19. Esas toalliñas, que desde a súa aparición no mercado viñeron taponando desaugadoiros, rede de sumidoiros e sistemas de depuración en vilas e cidades teñen un grave impacto ambiental e económico. Os custos para eliminalas dos sistemas de evacuación e depuración alcanzan, só en Europa, os 1.000 millóns de euros anuais.