Continúa descendendo o número de contaxios no municipio. Así, o Servizo Galego de Saúde notificou este luns 50 persoas diagnosticadas nos últimos catorce días o que supón unha incidencia acumulada de 171 casos por cen mil habitantes. Redondela sitúase na franxa de contaxios superior aos 150 pero por baixo dos 250. Unhas cifras que posibilitarían que este venres a vila dos Viadutos pase do nivel dous de restricións ao nivel tres, permitindo unha maior relaxación das limitacións e tamén unha apertura da mobilidade.
Un nivel por baixo dos 250 casos de incidencia acumulada, que Redondela xa acadara a finais da pasada semana pero que non lle permitiu comezar a desescalada o venres na fase tres por tomar a Xunta como referencia os datos do 23 de febreiro.
Este martes o comité clínico que asesora ao goberno galego volverá reunirse para analizar a evolución de todos os municipios na última semana e é previsible que a nosa localidade pase ao nivel tres. Este cambio no nivel de restricións permitiría a apertura da hostalería no interior cun 30% da ocupación e tamén a mobilidade con outros concellos que estean ao mesmo nivel, como é o caso de Vigo.
En canto aos municipios limítrofes, o concello de Soutomaior rexistra 40 casos novos nas últimas dúas semanas, o que supón unha incidencia acumulada por riba dos 500 casos, concretamente este concello comeza o mes de marzo cunha incidencia de 540 casos por cen mil habitantes. Fornelos de Montes con entre un e nove casos detectados nos últimos catorce días tería unha incidencia maior de 150 pero menor de 250 e Pazos de Borbén sitúase entre os 250 e os 500 casos.