Fun mercar a camisola do festival. Por apoiar. Cos meus cartos e co meu peito. Mais só había camisolas de home. O vendedor riu da miña queixa: “Las camisetas son unisex!” Unique? “Son unisex” repetiu (conciliadora) a rapaza que lle axudaba na venda. Eu mireina seria: por que repites algo que sabes que é mentira? A camisola é de home. Ten corte de home. E eu son unha muller. Teño corpo de muller. Coma ti. Se levo unha M, quedaríame ben nos ombreiros e na cintura pero apretaríame no peito e no van. Se levo unha L, o mesmo pero ao revés. Non hai unha para min. Nin para ti. Só hai para eles. Nós, como moito, temos que conformarnos. Pero non está ben…
As camisolas unisex son unha metáfora da sociedade que se resiste a entender e atender un cambio que xa é tan imparábel como xusto e necesario. E cómodo para todes.
E é unha chorrada. Fronte á violencia, por exemplo, que seguimos sufrindo as mulleres de maneira xa insoportábel, unha camisola é unha chorrada. Mais é sintomática. Porque as mulleres somos as que máis mercamos, sobre todo roupa (sábeo ben Amancio). E nin así nos teñen en conta á hora de mandar facer algo tan simple como unha camisola de muller. E por que non? Pois porque hai machismo na cabeza de quen fai esas encargas. Sexan homes ou mulleres. Porque tamén hai movementos feministas que encargan unisex masculinas. Proba do moito que nos queda, a nós tamén, as mulleres, por andar.
A min o unisex aquel quedoume na cabeza. Porque non son unisex os salarios, que nos seguen penalizando as mulleres, incluso facendo o mesmo traballo cós homes; nin son unissex os coidados, que nos seguen tocando a nós, maioritariamente, tanto dos máis cativos como dos máis vellos e vellas; nin son unisex as programacións culturais, moi masculinas tamén, e non será porque non haxa mulleres artistas!
Eu teño o roupeiro cheio de camisolas de home que lucín sen problema durante décadas. Mais neste momento da miña vida xa non me apetece seguilo facendo. Xa só me valen de muller. Que se me acomoden ben. Será a idade. Mais cómpre mudar os pedidos. Entender que hai dous sexos (polo menos!). E que deberamos poder acomodar. Ambos.
O 8 de marzo de 1857 milleiros de traballadoras téxtiles neoyorquinas fixeron unha folga para reclamar melloras nos seus horarios (daquela de 12h ao día) e acabar co traballo infantil. A súa loita axudou a mellorar o mundo. A loita feminista sempre o fai. Porque acaroa co subsolo social en todos os aspectos. Os seus logros, pois, sempre traen melloras sociais significativas. De aí que as deberamos apoiar todes. Con firmeza. Hoxe e sempre. Porque non hai melloras eternas (o recente retroceso na lei do aborto en Polonia debe pórnos sobre aviso). Cómpre insistir nas melloras. Pola boa conta que nos ten.
Fago desde aquí un chamado especial nesas melloras aos homes bos. Para que se sumen e berren tanto ou máis alto ca nós. Por favor. Contra ese machismo que tamén os oprime a eles. Que deixen de rir chistes podres, de asentir comentarios indecentes, de calar. E que lles sinalen, aos que non saben, outros camiños. Máis paritarios. E que canto antes nos poñamos a desbrozalos e anchealos. Para que caibamos. Todes.
“Se che apreta, non é a túa talla”, rezaba o lema feminista que máis me gustou dos que lin ultimamente. Así que, amigues, ánimo! A seguir celebrando os 8M para que o mundo se vaia axustando, pouco a pouco, á nosa medida. Á nosa talla.
Olga Nogueira (Ventosela). Profesora.