Catro colectores de recollida de tapóns de plástico situados en Redondela e Chapela servirán para colaborar economicamente con estes dous colectivos sociais que traballan no ámbito da diversidade funcional e da saúde mental no municipio.
Serán os propios usuarios destes dúas asociacións os que se responsabilicen da xestión dos colectores e da recollida periódica dos tapóns que a empresa especializada na xestión de residuos Redivivus se encargará de tratar e reciclar. Os fondos obtidos logo deste proceso serán entregados a Lenda e Andaina.
En total son catro colectores con forma de corazón de cor verde que se situarán, dous no casco urbano de Redondela e outros dous na parroquia de Chapela.
O Concello de Redondela, a través das concellerías de Servizos Sociais e Medio Ambiente, encargouse de pór en contacto a ámbalas dúas asociacións coa empresa galega ‘Redivivus’ especializada neste tipo de actividades. Unha iniciativa, que segundo destacan dende o goberno local, “permitirá que poidan obter uns ingresos adicionais e que as persoas da asociación desenvolvan unha actividade máis ao encargarse da xestión dos contedores e da recollida dos tapóns”.